A lixeira melloría detectada no pasado mes de agosto permitiu a 24 persoas abandonar as listas do INEM no noso concello. No resto da comarca a variación foi practicamente imperceptible, cun descenso de 5 e 4 persoas no caso dos concellos de Fornelos e Pazos. En Soutomaior a tendencia foi a inversa con tres novas inscricións nas listas do desemprego.
Hai que remontarse a xullo de 2011, é dicir, dous anos atrás, para atoparmos uns datos en canto ao desemprego que melloren o dato actual feito público na mañá de hoxe pola Consellería de traballo e que sitúa o número de parados no noso concello en 2708 persoas. Un dato que non deixa de ser dramático pero que malia todo supón que foron 479 as persoas que formalizaron un contrato de traballo dende que se iniciara este 2013.
En Fornelos de Montes o número de desempregados sitúase en 217 persoas, catro menos que no mes de xullo e en Pazos de Borbén prodúcese un descenso semellante con 5 parados menos e un cómputo total de 435 persoas buscando un emprego.
Pola contra en Soutomaior os datos son menos esperanzadores, porque aínda que cunha variación mínima, neste caso o desemprego incrementouse. Son 868 persoas as que se atopan nesta difícil situación, tres máis que no mes anterior.