O presidente da Real Academia Galega participou na mañá de hoxe no acto presentación das actividades que terán lugar o sábado en San Simón baixo o nome “Lembrando a Meendinho. Lírica medieval amorosa en San Simón”. Un encontro literario e musical que contará coa actuación de Amancio Prada. O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o alcalde Javier Bas salientaron a boa sintonía entre as administracións, unha colaboración que permite a organizacións destas actividades.
A poeta Yolanda Castaño será a encargada de presentar o acto do sábado no que intervirán os escritores Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Modesto Hermida García, Luís González Tosar e o presidente da RAG, Alonso Montero, que asistiu na mañá de hoxe á presentación oficial do acto xunto ao Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o alcalde, Javier Bas. Montero aproveitou a súa intervención para demandar das administracións a institucionalización dun acto literario na Illa “que se celebre todos os anos no mes de abril e que converta este espazo na capital da lírica amorosa universal” outorgándolle a San Simón “a relevancia que lle corresponde”. Unhas palabras que recollía Anxo Lorenzo quen aseguraba estar disposto dende a Xutna a poñer en marcha máis proxectos que sirvan para poñer en valor a Illa e as súas instalacións. Dende o Concello Javier Bas insistía en que a boa sintonía existente entre as diferentes administración fai posible que se organicen estas actividades así como a boa resposta que a cidadanía está a dar a cada un dos actos que se convocan na Illa. O sábado partirán dende Cesantes dous barcos para trasladar a todo o público que previamente teña reservado praza na Caseta de Turismo no número 986 401713.