O centro abre o prazo da matrícula para o curso 2013-2014 nas súas novas instalacións con cursos formativos para nenos e adultos. Como novidade este ano ofértase unha ludoteca musical orientada a pequenos a partir dos dous anos que pretende ser unha unha primeira toma de contacto coa música mediante o xogo e talleres musicais.
Os alumnos poderán elixir entre un total de 18 instrumentos: óboe, frauta, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, percusión, gaita, pandeireta, percusión tradicional, violoncello, contrabaixo, batería, piano e guitarra así como clases de voz. Unha práctica instrumental que abrangue a aprendizaxe afeccionada para o desenvolvemento persoal e a interpretación colectiva, a formación para futuros profesionais e preparación para o acceso ao conservatorio e formación instrumental ou vogal nas agrupación do centro como son a banda de música, o grupo de gaita e o grupo de pandeireta.
Os máis pequenos, aqueles de idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos poden tamén acceder ás aulas de música e movemento cuxa finalidade é o descubrimento e desenvolvemento das capacidades expresivas, musicais e motrices e xa a partir dos seis anos poden inscribirse nas clases de linguaxe musical, no que o alumno aprende a ler música para poñela en práctica co instrumento que se escolla.
Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse a:Correo electrónico: escolademusicadechapela@hotmail.com o unas instalación da escola nos baixos do Pavillón de Chapela.