Os de Jacobo Montes dominaron a primeira parte do encontro e puxéronse por diante no marcador, pero non lograron a vitoria. Mesmo no último minuto se lle escapou o empate nun choque vibrante por goles e emoción que rematou cun marcador de 3-2.
Terceira División
Boiro 3-2 Choco
Os redondeláns asustaron ao Boiro, instalado na segunda posición, pero non foron quen de sumar algún punto no campo coruñés. Un gol no tempo engadido de Marcos deixou sen premio aos de Montes, que mereceron moito máis. De feito foi o Choco o que abriu o marcador dun gol de Albert, de penalti, no minuto 11, e todo o primeiro tempo foi de dominio dos choqueiros. Os locais melloraron tras o descanso coa entrada de Padín e de Julián. Foi precisamente Julián o que fixo a igualada ao aproveitar unha mala cesión a Cortegoso. Pouco despois, Iván daríalle a volta ao marcador cun disparo desde a frontal ante o que nada puido facer o meta redondelán. Con todo, o Choco non baixou os brazos e fixeron o gol do empate a falta dun cuarto de hora por medio de Manu Lojo, que colocou o seu disparo na escuadra. Cun cuarto de hora podar diante, o Boiro non renunciou á vitoria, e conseguiuna no último minuto cando cazou o rexeite dun disparo de Anxo, sen tempo para que o Choco puidera sacar algo positivo, que merecía por xogo. Os pupilos de Montes tentarán ter máis sorte o domingo, cando reciban ao Somozas, co que xogarán como locais no Graciano Padín, en Soutomaior.