A pista da Xunqueira acollerá o domingo 22 ás 19:00 horas a actuación do grupo O Fiadeiro, que chega a Redondela da man do programa “Danza3” da Consellería de Cultura. O obxectivo deste programa que está a percorrer Galicia, é saír ao encontro dos espectadores e dignificar o baile tradicional en coidadas representacións da música e a danza populares galegas.
O programa “Danza3″ da Consellería de Cultura e Educación chega a Redondela este domingo coa actuación ao aire libre do grupo O Fiadeiro. Os músicos e integrantes dos corpos de baile da agrupación O Fiadeiro de Vigo, unha das agrupación de maior prestixio e actividade a prol da cultura tradicional en Galicia, estará no noso concello para achegar o folclore á rúa” cunha actuación que terá lugar na pista da Xunqueira. A agrupación amosará a pé de rúa un amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar aos espectadores asistentes, de xeito que cada un destes espectáculos é único, espontáneo e persoal. Unha actividade que conta coa colaboración da Concellería de Cultura.