As asociacións de veciños integradas na Federación San Simón de Redondela acordaron non participar nos órganos consultivos municipais porque entenden que se lles está a restar participación neses organismos. Solicitan que se revisen os regulamentos que rexen a súa formación e que non se limite a presenza de membros de colectivos veciñais en favor doutras asociacións “que non defenden os intereses xerais da cidadanía”.
Representantes da Federación de Asociación de Veciños “San Simón” de Redondela reuníronse na tarde de onte co alcalde, Javier Bas, logo de anunciar que van “secundar un paro na participación nos órganos participativos municipais, tales como consellos parroquiais ou comisión de servizos privatizados”. Unha xuntanza que non serviu para limar asperezas, xa que dende a Federación manteñen que se lles está a restar participación neses órganos, por exemplo nos Consellos parroquiais de Chapela e Cedeira, onde se reduciu o seu número de representantes para permitir a entrada doutros colectivos. Critican que se reduza a presenza das Asociación de Veciños “que teñen intereses xerais e que polo tanto non deberían ceder participación en favor doutras asociacións que defenden intereses concretos e sectoriais” en palabras de Víctor Manuel Fuentes. Por este motivo solicitan que se revisen os regulamentos que rexen os consellos parroquiais e consultivos para o cal piden o apoio da oposición política. Piden tamén a dimisión do presidente do Consello parroquia de Chapela e critican a “escasa ou nula documentación” que segundo aseguran reciben dende o Concello.