A chapeleira Loira Fernández ven de lograr un impresionante palmarés nos Campionatos de Europa Open de Natación para deportistas con síndrome de down ao lograr subir ao podio en cinco das seis probas nas que participou. Loira conseguiu ademais superar o mínimo en todas as distancias para participar no Mundial que se celebrará en México no vindeiro ano, pero a súa participación está no aire por falta de financiamento. O Racing Club confía en lograr financiamento para acudir ao Mundial de Natación de México
O presidente do club, Enrique Carro, asegura que xa chamou a todas as portas, tanto das diferentes administracións como de posibles patrocinadores privados, na procura de financiamento para o club. Con todo, a cuestión económica segue a ser o gran cabalo de batalla para este club no que 30 deportistas discapacitados intelectuais adestran e compiten en diferentes especialidades. De feito, Carro descoñece a día de hoxe se Loira Fernández poderá acudir a ese Mundial que se celebra en México no mes de novembro do 2014. Dúas pratas e tres bronces, en total cinco medallas para esta deportista que amosou o seu bo facer en 400 metros estilo acadando a prata, do mesmo xeito que fixera en 200 metros. Acadou tamén medalla en 50, 100 e 200 metros bolboreta. Uns logros deportivos que se enfrontan agora co hándicap económico. Dende o club agradecen especialmente o apoio recibido dende a Agrupación de Electores.