O pleno municipal ordinario que se celebra este xoves ás 20:00 horas no Concello de Redondela debaterá unha moción presentada por AER, na que a agrupación solicita unha maior contundencia por parte do goberno local “ante as agresións que se veñen producindo nos nosos ríos”. Unha petición que chega logo de que a semana pasada se detectaran novos vertidos ás canles do río Alvedosa e Maceiras que tinguían as súas augas de cor branquecina.
AER reclama ao Concello que “actúe como acusación e solicite as máximas penas para os contaminadores intencionados” ante o que cualifican de “incapacidade, ineptitude, deixadez e falta de sensibilidade ambiental que o goberno local está a amosar fronte as reiteradas agresións que se veñen producindo”.
Solicitan tamén que se inste a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a actuar con urxencia na instauración da zona de servidume dos nosos ríos, permitindo así determinar con celeridade os lugares orixe dos vertidos ilegais e promover a creación dunha rede de voluntarios entre os veciños e veciñas próximos aos ríos mediante campañas de información e concienciación, para que colaboren na detección e identificación da orixe dos vertidos.
Finalmente reclaman que toda investigación chegue ata a súa finalización localizando o punto onde se produce cada vertido e sancionando aos seu autores.