Esta semana a Concellería de Medio Ambiente trasladará ao Ministerio o informe no que se recollen as queixas veciñais relacionadas coas obras do tren de Alta Velocidade co obxectivo de que Fomento proceda a súa reparación. A reposición de camiños, canalizacións de augas e recuperación de pozos e fontes son algunhas das demandas presentadas.
As principais queixas veciñais recompiladas nas últimas semanas fan referencia ás expropiacións e recepcións de fincas, ás canalizacións de augas, a pozos e fontes que secaron por mor das obras e do mal estado no que quedaron algúns camiños ou accesos a vivendas. Moitos dos veciños canalizaran as súas demandas a través das asociación veciñais de cada parroquia, mentres que outros optaron por presentar as súas queixas a título particular. Elaborado xa o dossier por parte dos técnicos de Medio Ambiente, este informe será trasladado agora ao Ministerio de Fomento co obxectivo de lograr que se lle dea unha resposta positiva á cidadanía e se corrixan os prexuízos causados nas zonas afectadas.