Chegaron as choivas e os ceos anubrados, pero isto non impide que nos botemos a auga para practicar deportes tales como windsurf, kaiak, paddle-board ou kite-surf. Esa é a proposta que nos deixan os alumnos do curso de Ocio e turismo náutico que se está a impartir en Cesantes e que celebran na vindeira semana unhas xornadas de portas abertas na que poden participar aqueles que queiran achegarse a estes deportes.
Un total de 15 alumnos de entre 21 e 43 anos, maioritariamente mulleres e todas elas desempregadas, están a formarse como monitor de ocio e turismo náutico. Un curso que conta con contidos teóricos pero que pretende ser eminentemente practico xa que o obxectivo é que este alumnado se insira no mercado laboral. E precisamente ara poñer en practica todos os coñecementos adquiridos, na vindeira semana impartirán clases gratuítas aos veciños que desexen achegarse a estas modalidades deportivas. O responsable do curso, José Manuel Andrés, insiste en que a choiva ou o mal tempo non son obstáculo para botarse a auga, sempre iso si “ca indumentaria axeitada”. O curso prolongarase ata o vindeiro mes de novembro e xa hai alumnos que están a pensar na posibilidade de crear unha empresa dedicada ao ocio náutico, unha actividades que parece ter saída tendo en conta o repunte que está a vivir o sector turístico en Galicia e as boas condicións meteorolóxicas que presenta a enseada para a práctica destes deportes. Unha opinión que comparte tamén a Directora Xeral para o Emprego, Ana María Díaz, quen salienta “a situación privilexiada” do noso concello para este tipo de actividades así como a importancia da formación para mellorar a empregabilidade das persoas en paro.