O Proxecto Sumando esforzos pola lectura das Bibliotecas Municipais e Escolares de Redondela ten sido seleccionado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para ser presentado no V encontro de Bibliotecas e Municipios que terá lugar mañá martes 1 de outubro en Madrid. A presentación poderase seguir en directo vía streaming ás 12:00 horas no enderezo http://www.mecd.gob.es/v-encuentro-bibliotecas-municipio/programa.html
Iniciativas tales como o “Baúl viaxeiro” que achegou aos diferentes centro educativos do concello unha maleta cargada de publicacións con referentes ao mundo da banda deseñada ou a iniciativa anual da coñecida como “Bibliocaravana”, que serve para espallar entre os veciños publicacións editadas nas diferentes linguas da península, foron tan só algunhas das actividades que o Ministerio de Cultura tivo en conta á hora de escoller este proxecto das Bibliotecas Municipais e Escolares do noso concello.
Un recoñecemento que culminará mañá cando ás 12:00 horas sexa presentado en Madrid. A estrutura deste encontro baséase “na exposición de boas prácticas por parte do responsable da biblioteca e o responsable político”, de xeito que se poida mostrar a importancia do apoio do goberno local para ofrecer un servizo de biblioteca de calidade.
O proxecto será presentado pola concelleira de educación, María Teresa París, e directora das bibliotecas municipais, María Elena Becerra e Laura Goldar en representación das bibliotecas escolares así como María José Villar responsable da Axencia de Lectura de Chapela.
A presentación poderase seguir en directo vía streaming. Aquí vós deixamos o programa: http://www.mecd.gob.es/v-encuentro-bibliotecas-municipio/programa.html