Este sábado o equipo redondelán mídese a un dos grandes da Terceira División, e confía en acadar un resultado positivo co que seguir na senda da permanencia. Ata o de agora o balance na nova categoría é positivo, suman 10 puntos en seis xornadas, nunha competición que está a ser “moi igualada e competitiva” segundo o seu adestrador, Jacobo Montes.
Logo da vitoria a domicilio no campo do Dorneda, o Choco acumula tres vitorias, un empate e dúas derrotas. Os números son bos e convidan ó optimismo, pero o técnico quere ser prudente. Montes lembra que a competición é moi longa e que precisan, cando menos, 45 puntos para salvar a categoría. Por iso pide calma e manter “os pés na terra” para seguir traballando na mesma liña “semana tras semana”. O técnico recoñece que o equipo se está a adaptar “rápido” á Terceira División, unha liga na que debutan os xogadores e o propio adestrador, e na que todo vai “moito máis rápido” que na Preferente. Na próxima xornada volven xogar fóra, e farano nun duelo de máxima esixencia na casa do líder, o Cerceda. Será o sábado, ás 18.30 horas. Un encontro “moi diferente” ao da pasada xornada en Cerceda, nun campo de herba natural, pero no que os de Montes non van renunciar “a nada”. Os resultados, polo de agora, están a acompañar, tanto nos partidos nos que son visitantes como nos locais. E iso malia que aínda non puideron xogar en Terceira División diante da súa afección en Santa Mariña. As obras de mellora do campo municipal obríganos a xogar como locais no Graciano Padín de Soutomaior. No club agardan que os traballos rematen “canto antes”, pero o técnico ve complicado que estean rematados para a próxima cita como locais, o 13 de outubro, diante do Vilalbés. Para o club redondelán o maior problema é organizar os adestramentos, tanto para o equipo de Terceira como para o filial e o resto de categorías inferiores. Por outra banda o feito de xogar como locais en Soutomaior tamén resta afluencia de público aos partidos, xa que entenden que cando poidan estrearse en Santa Mariña a presencia de seareiros será maior.