Conservar a riqueza patrimonial existente en Monte Penide é o obxectivo primordial dun proxecto coordinado por Xurxo Constenla, baseado na divulgación e difusión como xeito de por en valor eses importantes xacementos prehistóricos e evitar a súa destrucción. Un museo virtual que se presentará oficialmente nun acto aberto este venres ás 20:00 horas no Multiusos.
A páxina web, ” unha viaxe no tempo” no enderezo http://montepenideprehistorico.com, promovida polo Concello de Redondela e cofinanciada con fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), enmárcase dentro dunha iniciativa da Asociación Cultural “Alén Nós” que busca crear un museo en Monte Penide que acolla e inclúa os restos arqueolóxicos do Concello. A creación deste museo virtual xorde como unha ferramenta necesaria para evitar a destrución lenta e continuada do patrimonio, tanto natural coma cultural, deste contorno xeográfico. Na web poderase atopar toda a información arqueolóxica existente en Monte Penide / Monte Mirallo, para que os xacementos poidan ser visitados e comprendidos a través de rutas e sendas localizadas no lugar. Na presentación deste proxecto en rede estará o Alcalde de Redondela, Javier Bas, un representante da Asociación Cultural “Alén Nós”, o director e coordinador do proxecto, Xurxo Constela Doce, a profesora titular de arqueoloxía da USC e experta en cultura castrexa, Pepa Rey Castiñeiras, e o director do PAAR (Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro), J. Manuel Rey García. Contarase tamén coa presenza de Cuchi Carreira, que fará a presentación e proxección dun vídeo explicativo sobre este museo virtual. A entrada é libre, e cada unha das persoas asistentes poderá levar consigo un exemplar da guía/catálogo do Museo Virtual Monte Penide Prehistórico. Como actividade complementaria a esta presentación, o sábado 5 de outubro, ás 10.00 h, con saída dende a Mámoa do Rei, desenvolverase unha visita guiada por Xurxo Constela que percorrerá os diferentes xacementos arqueolóxicos redondeláns: a necrópole tumular e os petróglifos de Chan da Cruz; os petróglifos de Coto da Rola, das Porteliñas, de Poza da Lagoa e do Coto do Corno; e o Castro de Negros. Non é precisa inscrición previa nin haberá límite de persoas para participaren.