A mestra e pedagoga redondelá foi lembrada onte nun acto organizado polas Xuventudes Socialistas no que o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago ademais de familiar da homenaxeada, Manuel Puga Pereira, salientou a figura dunha muller valente e adiantada ao seu tempo que tivo que sufrir a represión do franquismo polas súas propostas educativas e o seu compromiso político.
Unha rúa en Redondela lembra na nosa vila á que foi unha das mestras que máis fixo por modernizar a educación na primeira metade do século pasado. Nacida nunha familia acomodada, Ernestina Otero amosou inquietudes políticas e profesionais dende moi nova que a levaron a cursar estudo “non propios de señoritas” para a época que lle tocou vivir. Malia todo, o apoio da súa familia permitiulle acceder a unha formación que naqueles anos estaba restrinxida aos varóns sendo unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid, en cuxas aulas recibiu a influencia da Institución Libre de Ensinanza que marcaría o seu labor profesional. En 1914 foi nomeada profesora de pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra e coa Segunda República puxo en marcha a reforma educativa. Entre as súas actividades máis novidosas atopamos campañas levadas a cabo para fomentar a asistencia de nenos á escola nun tempo no que só estaban escolarizados o 50% dos rapaces, impulsou ademais a creación de centro escolares e ampliou a educación de adultos. Participou tamén activamente en diferentes iniciativas de carácter político asinando en 1933 o manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía. Uns compromisos que lle reportarían moitas represalias, sendo separada da cátedra na Guerra Civil e obrigada ao traslado forzoso no Franquismo. Unhas represalias que non lle impediron seguir ensinando e trasladando aos seus alumnos a mellor tradición innovadora republicana. Manuel puga salientou a importancia de actos como o de onte, organizado polas Xuventudes Socialistas, “que serven para cicatrizar feridas fronte aos que queren botar terra sobre o acontecido” nos anos do franquismo. Na charla, que tivo lugar logo dunha ofrenda floral no cemiterio de os Eidos, participaron tamén as responsables de Igualdade das Xuventudes Socialistas de Galicia, Anabel Rei e de España, Patricia Rodríguez así como o seu secretario Aitor bouza.