Reclaman que este imposto se rebaixa “ao mínimo legal” logo de terse incrementado nun 30% en tres anos. Solicitan tamén unha revisión catastral para o que cualifican de “incremento desproporcionado no recibo da contribución urbana”. Estas son as dúas propostas que lle proporán ao pleno do Concello por entender que os veciños non poden “seguir sufrindo esta presión fiscal nos tempos de crise actuais”.
Lembran dende o PSOE que entre os anos 2010 e 2013 o imposto de bens inmobles sufriu un incremento que rolda o 30 por cento e responsabilizan ao goberno local “por non adoptar as medidas necesarias para que ese gran incremento non se producira”. Entende que o PP está a amosar “falta de sensibilidade” fronte aos tempos actuais que nos toca vivir “nos que moitas familias pasan apuros e precisan de toda a axuda posible para poder saír adiante”.
Respecto do incremento sufrido por estes recibos explican que é inxusto xa que a última revisión catastral foi no ano 2006, adxudicándolles ás vivendas e inmobles uns valores desproporcionados co valor actual que marca o mercado.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Redondela presentara no próximo pleno unha moción para lle reclamar ao goberno local que inicie os trámites e xestións necesarias para que se baixe ao mínimo legal os recibos do IBI.
Propoñen tamén unha nova revisión catastral que serva para axustar os prezos fixados á realidade do mercado actual, xa que a caída dos prezos foi moi notable nestes últimos anos e hai situacións insostibles que teñen que cambiar canto antes.