O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou na mañá de hoxe o Centro de Información da Muller (CIM) de Redondela, un servizo a quen a Xunta ven de concederlle 45.000 euros para a posta en marcha de programas de prevención da violencia de xénero e de promoción da igualdade. O CIM atendeu o pasado ano a preto de 800 persoas.
Alfonso Rueda achegouse ao CIM acompañado do alcalde, Javier Bas, da secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial de Vigo, María José Bravo Boch co obxectivo de coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polas traballadoras deste servizo que ten recibido da Administración autonómica 131.850 euros nos últimos tres anos. Desta contía, 45.000 euros corresponden á convocatoria deste ano, a máxima prevista na orde de axudas. O CIM de Redondela conta cun servizo de teletradución e tres traballadores (psicóloga, asesor xurídico e axente de igualdade) que o ano pasado atenderon a preto de 800 persoas.
A Vicepresidencia da Xunta destina este ano un total 318.000 euros aos concellos da área de Vigo para actuacións de colaboración coas entidades locais. Estas achegas están destinadas a financiar iniciativas orientadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero, ao fomento da conciliación e ao apoio aos Centros de Información ás Mulleres.