Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición dun obradoiro coordinado pola poeta Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultural e o Concello de Redondela. O programa inclúe actividades páralelas como o recital poético multilingüe “Atendendo ao meu amigo” que se vai desenvolver o venres no Multiusos ás 20:00 horas.
Sete recoñecidas e recoñecidos poetas pertencentes a outras tantas comunidades lingüísticas -galega, estoniana, turca, húngara, asturiana, inglesa e alxeriana- participarán este ano, dende hoxe luns ao sábado 19, nesta iniciativa coordinada pola escritora Yolanda Castaño, na que cada poeta traduce a cadansúa lingua e, á vez, é traducido ás demais, tomando como referencia o inglés como idioma vehicular.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Concello de Redondela, promove a II edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador”, unha iniciativa pioneira en Galicia que se celebra por segundo ano consecutivo na illa de San Simón, berce simbólico da poesía trobadoresca galego-portuguesa.
Actividades para interactuar co público galego
Ademais do obradoiro especializado nas instalacións da illa, a programación desta iniciativa propiciará o intercambio entre os poetas e o público galego a través dos recitais poéticos “Atendendo o meu amigo” e dunha mesa redonda. O primeiro destes actos abertos e gratuítos será o 16 de outubro ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra. Ao día seguinte, o 17 de outubro, ás 19:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda “Creando as ondas. Tradución poética en mans de poetas”, un acto que terá como escenario a Casa Galega da Cultura en Vigo. Finalmente, o Multiusos da Xunqueira, en Redondela, acollerá o segundo recital multilingüe, nova lectura poética que lle porá o broche de ouro ao obradoiro, con poemas nos idiomas orixinais e mais coas traducións ao galego.