Logo dun espléndido inicio de liga, a SAR recibe este sábado en Redondela a un dos equipos máis fortes do grupo. O mal arranque do Cisne non tranquiliza aos de Diego Lorenzo, que saben que os pontevedreses están chamados a ser un dos líderes do grupo. Por iso piden o apoio do público para arroupalos no partido que se disputa o sábado ás 18.30 horas.
O Cisne chega coa necesidade de sumar unha vitoria, e conta no seu plantel con xogadores do máis alto nivel, algúns deles da liga Asobal. Pero malia a superioridade do rival, o adestrador confía en sacar un resultado positivo. Para iso terán que superar algúns dos erros cometidos na pasada xornada, diante do Cinco Jotas Lavadores, que os levaron a perder a vantaxe acumulada nos primeiros minutos de xogo. O técnico asume que os xogadores deberán mellorar a súa eficacia “cando as cousas se poñan en contra” e coller experiencia na categoría. Con todo, xustifica a baixada de rendemento polas baixas de Bruno, recentemente incorporado dunha lesión, e Gabriel, cunha escordadura no xeonllo, o que prexudica aínda máis unha primeira liña “que xa ten déficits”. Polo de agora os resultados son bos, a SAR Plastic Omnium ocupa a 5ª praza do grupo, con 6 puntos, e suma tres vitorias e unha derrota no que vai de liga. Polo de agora están a dar os pasos correctos para conseguir o obxectivo da permanencia, que é o “fundamental” para Lorenzo. Polo de agora non fan números para saber cantos puntos precisarán para a salvación, só queren sumar cantos máis mellor, e “canto antes”. Os cambios introducidos pola Federación, que ampliou o número de grupos, introduce máis equipos na pelexa pola permanencia, e tamén “máis incerteza”. Pero na SAR están convencidos de que acadarán o obxectivo, e non renuncian a superar esta meta.