A divulgación e sinalización dos xacementos arqueolóxicos en Monte Penide non están a lograr o seu obxectivo primordial: evitar que se produzan atentados contra o patrimonio arqueolóxico. Logo de que semanas atrás uns individuos romperan o peche perimetral do xacemento esta semana apareceron raiados os petroglifos de Chan da Cruz.
As marcas foron realizadas nos últimos días cun obxecto punzante e amosan varios círculos e raias que afectan aos petroglifos de Chan da Cruz. Non é esta a primeira vez que os vándalos actúan na zona, xa que con anterioridade os xacementos do denominado Coto do Corno tamén foran raiados e nos gravados rupestres de As Porteliñas apareceu hai un par de ano un grafiti coa palabra Josito. Actos vandálicos intencionados aos que hai que engadir outros atentados contra estes xacementos arqueolóxicos que se teñen producido por descoñecemento, como cando uns traballos de tala e limpeza con maquinaria pesada provocou a desaparición dunha das mámoas do conxunto megalítico. Precisamente para evitar este tipo de actuacións se levou a cabo o proxecto de sinalización do xacemento baixo a máxima de que divulgar a riqueza do lugar é o primeiro paso de cara a asegurar a súa conservación. Nese camiño, ademais das ferramentas que se poden atopar na rede no enderezo montepenideprehistorico.com vense de publicar unha guía que suxire aos visitantes tres rutas alternativas pola necrópole tumular, a ruta da arte rupestre e os petróglifos e a ruta castrexa.