Os redondeláns foron moi superiores aos santiagueses, resolveron o partido nos primeiros minutos de xogo e sentenciaron co terceiro gol na segunda metade. Menos sorte tiveron os equipos comarcais da Segunda Automática, que perderon os seus encontros. Na Terceira Autonómica gañaron Cesantes, Chapela, Vilar e Nespereira.
Terceira División
Grixoa 0-3 Choco
Doce minutos foron suficientes para que os de Jacobo Montes se fixeran cos tres puntos no terreo de xogo de Santa Isabel. O Choco marcou o seu primeiro gol aos cinco minutos de iniciarse o partido, obra de Yeray. Un primeiro tanto que rompeu os esquemas dos locais, que xa non foron capaces de reaccionar. No segundo contragolpe con certo perigo, o Choco marcou o segundo cun disparo raso de Rober. Era o minuto doce e o choque xa estaba sentenciado. No ecuador do segundo período os redondeláns lograron o terceiro gol cunha vaselina de Javi Pazos. Os locais non fixeron un lanzamento entre os tres paus en todo o encontro, e o Choco foi o xusto gañador. Os de Redondela souberon rendibilizar ben as súas ocasións, controlaron o xogo e foron os que máis fixeron para levar os tres puntos. A vitoria dálle aire ao equipo de Montes, que volve á metade alta da táboa. Esta semana preparan o encontro que xogarán como locais diante do C.Areas, o pechacancelas do grupo.
Segunda Autonómica
Choco B 1-2 Apóstol
O filial do Choco non puido co Apóstol, e a derrota fainos baixar ata a 7ª posición na táboa. A próxima fin de semana xogan no campo do Coia, os vigueses están obrigados a gañar xa que están situados no pozo da clasificación.
Soutomaior 0-2 Zacande
O Soutomaior non foi quen de superar a un dos equipos máis fortes do campionato, o Zacande, que se impuxo con claridade no partido. O Soutomaior, desde a metade baixa da táboa, xogará como visitante diante de A Lama, un dos pechacancelas do grupo.
Noalla 1-0 Arcade
Un tiro libre directo minutos antes do descanso deulle os tres puntos ao Noalla nun encontro no que non subiu ningún outro tanto ao marcador. Agora o Arcade está na metade baixa da táboa, e van medirse co Mosteiro, equipo co que están igualados.
Terceira Autonómica
Campañó 1-2 Cesantes
Segunda vitoria do Cesantes no que vai de liga, resultado co que os redondeláns se sitúan a un punto da fase de ascenso. O Campañó púxose por diante, pero os redondeláns remontaron cun gol de penalti a falta de tres minutos para o final. Na próxima xornada reciben ao Moraña, último clasificado do grupo.
Montecastelo 2-5 Chapela
O Chapela goleou a domicilio ao Montecastelo, un dos pechacancelas do grupo. Resultado contundente para os redondeláns, que os eleva ata o 6º posto do grupo. O domingo recibirán ao Casablanca, da parte baixa da táboa.
At. Vilar 1-0 Moledo
O Vilar mantéense na parte alta da táboa logo de gañar pola mínima a un dos equipos que lideraban o grupo, o Moledo, co que agora xa están empatados a puntos. Na próxima xornada os de Redondela xogan no campo do Balaídos.
Nespereira 6-1 Covelo
O Nespereira non tivo compaixón do Covelo, pechacancelas do grupo, ao que endosou unha goleada. Os de Pazos soben á 2ª praza do grupo, e o domingo xogarán no campo do Caldelas, co que están empatados a puntos.