O edil Leonardo Cabaleiro asegura que o goberno galego está a castigar ao noso concello ao destinar a Redondela unha partida orzamentaria moito menor que a outros concellos de entidade semellante. Os socialistas critican particularmente que non se doten de partidas diferentes demandas realizadas polos centros educativos e responsabilizan deste feito á “ineficaz xestión de Javier Bas”.
O socialista Leonardo Cabaleiro salienta que entre as partidas recollidas nos orzamentos da Xunta “tras tódalas peticións e necesidades que requiren colexios como o de Quintela para o arranxo da cuberta, Reboreda para a ampliación do comedor ou o de Redondela que dende hai anos ven demandando un patio cuberto, o único que consegue son 100.000 euros para unha reforma no CEIP de Cedeira”.
Critica tamén a falta de concreción noutras partidas. Así apunta que nos orzamentos se inclúe unha partida de 400.000 euros para infraestruturas sociais sen especificar a onde vai dita cantidade, do mesmo xeito que tampouco se detalla en que se van investir os 240.000 euros para equipamentos pesqueiros ou os preto de dez mil euros destinados a obra nova a cargo da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia.
O PSOE denuncia ademais a discriminación de Redondela nestas contas xa que recibirá unha cantidade sensiblemente inferior respecto doutros concellos de entidade semellante. Cabaleiro apunta que Redondela resulta castigada con tan só 749.759 euros, unha cantidade que “resulta canto menos curiosa” se a comparamos coa que percibirán outros municipios da provincia que contan con menos poboación, como puidera ser o caso de Porriño, que cun número de veciños sensiblemente menor recibirá 1.388.902 euros”. Pero aínda máis escandalosa resulta a comparación dos 30.000 habitantes da vila dos viadutos cos 37.000 que ten Vilagarcía de Arousa, xa que “neste caso o orzamento destinado ao noso concello resulta ridícula ante os 5.963.452 euros que percibirá o municipio do Salnés”, indica Cabaleiro.