Os nacionalistas solicitan ao resto dos grupos da corporación que apoien unha moción na que reclaman a derrogación do novo copagamento para medicamentos que se dispensan a través das farmacias hospitalarias a persoas doentes crónicas non hospitalizadas.
O pasado mes de setembro o goberno do Estado estabeleceu unha modificación nas condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do sistema estatal de Saúde para que as persoas doentes crónicas non hospitalizadas teñan que achegar unha cantidade para sufragar o gasto das medicinas.
Con esta resolución, o goberno do Estado fixa un novo copagamento para os medicamentos e supón un novo imposto á enfermidade. Desde o 1 de outubro, 42 medicamentos de dispensación hospitalaria a persoas doentes crónicas con doenzas graves, como cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide, dexeneración muscular…deixarán de ser dispensadas sen custo, polo que haberá que pagar o 10% deste até o límite de 4,20 euros, agás aquelas que estiveren exentas.
Estamos a falar de persoas pacientes na maioría dos casos polimedicadas para as cales este novo repago supón unha carga moi importante na súa economía e que supón aon enteder do BNG unha medida “indigna e inxusta e que retrata a un goberno que actúa contra a xente a prol das grandes fortunas e do poder económico”.
Por este motivo solicitan ao resto dos grupos da corporación, a través dunha moción que presentarán ao vindeiro pleno, que se traslade á Xunta e ao goberno estatal a petición de derrogación desta medida e que, en calquera caso, este novo copagamento non sexa aplicado na sanidade galega.