Os de Fran Teixeira preparan esta semana un difícil encontro na División de Honra Prata. O sábado visitan a pista do Pozoblanco, equipo afundido na parte baixa da táboa pero que eliminou ao Chapela na primeira ronda da Copa do Rei. Os redondeláns viaxan a Córdoba o sábado coa esperanza de que os andaluces acusen a participación copeira.
Os pupilos de Teixeira traballarán esta semana “como se non existira a Copa do Rei”, concentrados no único obxectivo de sacar un resultado positivo na súa visita a Pozoblanco, que será un dos seus rivais pola permanencia. As sensacións no equipo de Chapela son boas, sobre todo logo do resultado da pasada fin de semana cunha vitoria sobre o Benidorm, un dos equipos máis fortes da liga. Os dous puntos levan ao Chapela á 12ª posición na táboa, e son un punto de inflexión para seguir medrando na categoría. O adestrador amósase satisfeito co rendemento do equipo, que está a competir “a bo nivel” e lamenta os axustados resultados que os privaron de sumar máis puntos, con varias derrotas por un gol e un empate no que tamén pesaron as decisións arbitrais. Agora viaxan a Córdoba co obxectivo de arrancar algún punto no Pavillón Municipal Juan Manuel Sepúlveda, agardando que os andaluces acusen o desgaste da eliminatoria de Copa do Rei, que xogarán mañá mércores diante do Villa de Aranda.