Axentes da Policía Nacional detiveron a un varón de 46 anos de idade e veciño de Vigo como autor dun roubo con forza o pasado mes de marzo nunha vivenda de Chapela, de onde tería subtraído 25 periquitos. O prezo deste tipo de aves pode oscilar entre os 20 e os 1.500 euros dependendo das clases de cor, variedades ou razas.
Os feitos tiveron lugar no mes de marzo cando unha veciña de Chapela presentou unha denuncia na que alertaba do roubo de 25 periquitos de diferentes clases que tiña nunha gaiola na súa finca. Durante a investigación realizada pola brigada da Policía Científica recolléronse diversas probas que permitiron concretar o perfil do posible autor do roubo.As pescudas permitiron identificar ao autor dos feitos poñéndose en marcha un dispositivo para a súa localización e detención que tiña lugar na avenida de Redondela en Chapela, lugar foi detido e trasladado a dependencias policiais.
Ao detido constábanlle corenta e un antecedentes policiais por feitos semellantes ao denunciado. O home pasou xa a disposición xudicial do Xulgado número dous de Redondela.