As Anpas dos colexios de Quintela e Outeiro das Penas de Cesantes protagonizarán este xoves ás 10:00 horas unha manifestación para esixir que se solucionen os continuos atrasos do transporte escolar que, segundo denuncian, véñense repetindo diariamente dende o inicio deste curso. A mobilización convocada pola Anpa de Cesantes contará tamén coa presenta e apoio da comunidade educativa de Quintela.
Os atrasos supoñen que os nenos cheguen ao colexio entre 15 e 20 minutos tarde o que provoca problemas no desenvolvemento habitual das clases. Un atraso que se repite á saída do centro, con nenos que tardan ata unha hora en chegar ao seu domicilio. Unha situación que levou a moitos pais, segundo explicaba dende a Anpa de Quintela Elena Veiga, a recoller aos rapaces directamente en vehículo privado. Malia as queixas ante a Xefatura Territorial de Educación o problema segue sen solucionarse. Pais e nais descoñecen cal é a orixe do conflito pero entenden que “está nas mans da Consellería solucionalo, esixindo á empresa a que cumpra os horarios ou rescindíndolle o contrato no caso de que non o fagan. Hai outras empresas de transporte escolar que funcionan nos mesmos centros educativos que si respetan eses horarios”. Ademais da recollida de sinaturas e a documentación por escrito do atraso que cada día padecen os escolares, as Anpas convocan unha mobilización este xoves. Está previsto que a protesta saía dende o colexio ás 10:00 da mañá cara o centro de saúde, para rematar no colexio novamente ás 11:30.