A Asociación de afectados pola AP-9 convocan este venres unha asemblea ordinaria ás 20:00 horas no Multiusos do Piñeiral do Crego na que se informará das últimas xestións realizadas en torno á ampliación da autoestrada. Presentarase o vídeo documental “Duques de Alba” que amosa a existencia no fondo mariño de material desprendido da estrutura da ponte de Rande.
Duques de Alba é o nome que reciben os piares da ponte de Rande, motivo polo que ese é tamén o título dun vídeo documental realizado por tres técnicos en inspección submariña contratados pola asociación para realizar unha inspección visual e coñecer así o estado de conservación no que se atopan eses piares que sustentan a infraestrutura. O obxectivo era atopar un burato de grandes dimensións do que falan os mariñeiras da zona pero que segundo explican dende a Asociación “non foi posible atopar debido a gran cantidade de mexillón acaroados aos piares”. Sí se localizaron “pequenas fisuras de corrosión” e material diverso procedente “de posibles desprendementos” segundo explica dende o colectivo Roberto Villar. Un vídeo que se proxectará o venres no Piñeiral do Crego nunha asemblea ordinaria na que se falará ademais doutros temas de interese para a parroquia como o futuro da ampliación da AP-9 ou a adquisición de terreos para a instalación da gardería de Chapela. Dende a Asociación reclaman ao goberno local “maior contundencia ante Fomento” de cara a evitar a ampliación da autoestrada, unha obra que tería tamén repercusións económicas negativas para as arcas do concello ao rebaixar o valor dos terreos na parroquia de Chapela.