Unha delegación de Cabo Verde visita hoxe Redondela dentro dun percorrido que realizan esta semana por distintos puntos da xeografía galega. O obxectivo é difundir os proxectos de cooperación que apoia o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade e fomentar a colaboración social, política e económica entre as dúas rexións.
A delegación do país africano está encabezada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e alcalde de Ribeira Grande e Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo. No encontro, celebrado esta mañá no Concello de Redondela, participaron o alcalde, Javier Bas, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa París, que preside actualmente o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No acto estiveron tamén presentes ademais de outros edís do goberno local e membros de distintas ONG da bisbarra. París destacou a importancia desta visita, tanto para coñecer de primeira man os proxectos que o Fondo Galego está a desenvolver en Cabo Verde, como para poñer en contacto aos municipios deste país africano co tecido social, político e económico de Galicia. Uns contactos que confían poidan dar os seus froitos con investimentos de empresarios galegos en Cabo Verde, unha zona “estratéxica”, segundo Manuel de Pina, que pode ser de interese para as empresas da área de Vigo.Despois do acto no Concello, a delegación percorreu a vila e mantivo un encontro con mestres e alumnos do instituto de Redondela, en Santa Mariña, para logo visitar a illa de San Simón. Máis aló dos acordos que se poidan establecer, a visita está a servir para estreitar “aínda máis” os lazos entre a sociedade caboverdiana e Galicia, comunidade onde residen boa parte dos seus emigrantes. Galicia impulsou 33 proxectos de cooperación con Cabo Verde desde o ano 2002.