O conxunto redondelán é, sen lugar a dúbidas, o equipo revelación da Terceira División. Os de Jacobo Montes están recén chegados á categoría e, malia ser un club modesto e cun escaso orzamento, remataron a primeira volta na cuarta praza do grupo, cuns números espectaculares. Agora é tempo para un merecido descanso de Nadal, pero volverán aos adestramentos dentro dunha semana para preparar o encontro que os enfrontará ao Pontevedra o día 5 de xaneiro.
O adestrador recoñece que se superaron “todas as expectativas”, xa que o obxectivo a principio de temporada era “tentar manter a categoría”. Esa meta quedou superada hai tempo, porque logo de rematar a primeira volta o Choco ocupa a 4ª praza da táboa e está a tres puntos dos equipos que colideran a clasificación: Cerceda, Boiro e As Pontes. Montes afirma que non podería imaxinar unha situación así “nin nos seus mellores soños”, e que coas contas que facían no inicio da liga aspiraban a sumar 30 puntos na xornada 30. Levamos 19 xornadas e o seu casilleiro de puntos suma xa 35, co que as previsións están “totalmente desbordadas”. O míster, ao que a prensa xa bautizou como “o Guardiola da Terceira” asegura que non hai “receitas máxicas” e que os resultados “son froito do bo traballo semanal” que fan os xogadores nos adestramentos. Agora só pensa en sumar canto antes os 45 puntos que lle certifiquen a permanencia, e logo pensarán en metas “máis altas”. Con moita prudencia, Montes asegura que todos na entidade teñen as cousas “moi claras” e que o obxectivo é que o equipo siga medrando e se consolide na categoría. Agora é tempo dun merecido descanso para os xogadores, e o próximo luns día 30 volverán aos adestramentos para preparar o partido co seu próximo rival. Será o 5 de xaneiro en Pasarón, “o mellor campo de Terceira”, segundo Montes, e un partido moi especial.