Critican que dende o departamento de interior non se abordara a problemática do tráfico que, no caso dunha parroquia cunha orografía tan complexa como Chapela, debería ir acompañado dun traballo conxunto cos colectivos veciñais. O BNG aposta por un plan de mobilidade que fomente o transporte público.
Os nacionalistas critican que o goberno local sega sen elaborar un plan de tráfico e entenden que esa situación responde a que “o goberno de Javier Bas non ten vontade para enfrontar a problemática do tráfico”.
As recentes declaracións do concelleiro de tráfico Arturo González nas que anunciaba que están a elaborar conxuntamente coa Policía Local “un estudo da situación do tráfico na zona da rede viaria entre o pavillón de Chapela e o Instituto por tratarse dun punto conflitivo” certifican ao entender do Bloque “que se trata dun goberno que actúa dende a improvisación e sen planificación xa que tiveron máis de dous anos para iniciar o estudio que agora sí parece que van realizar”.
Entenden os nacionalistas que nunha parroquia cunha orografía tan complexa como Chapela cómpre facer un traballo cos colectivos de maior incidencia, como o caso da Asociación de veciños.
O BNG recoñece que se trata dunha problemática difícil de afrontar polo que entenden que é necesario “educar para cambiar os hábitos” co fomento do transporte público, campañas para compartir o coche, así como o fomento do uso da bicicleta e os desprazamentos a pé.