O equipo Autos Leirós de Mos impúxose por 5-3 nun emocionante partido disputado no pavillón Oscar Pereiro do concello veciño. Os de Julio Mougán afiánzase na terceira praza da táboa e na vindeira fin de semana terán que enfrontarse a outro rival de categoría, o actual campión e segundo clasificado, o Talleres ABC Vigo.
Hai que remontarse o 28 de setembro do ano pasado ou, o que ven sendo o mesmo, trece encontros atrás, para atopar a anterior derrota dos de Redondela. Nun gran encontro de fútbol sala, dos que fan afección o Autos Leiros de Mos impúxose este sábado ao Redondela F.S. por 5-3. O encontro tivo de todo: emoción, tensión e unha bancada repleta que gozou co partido.
Nos primeiros dez minutos o Mos dominou o encontro claramente ata que despois dun tempo morto o Redondela comezou a soltarse un pouco, e timidamente comezou a xerar algo de xogo chegando ao descanso cun empate a cero tantos no marcador.
A segunda parte sería totalmente distinta, os redondeláns fixéronse co partido cun Mos que arrastraba un maior desgaste polo xogo desenvolvido nos primeiro vinte minutos. Con todo, o equipo local lograría o primeiro tanto do partido no minuto 25, pero na seguinte xogada Miguel poría as táboas. No minuto 35 novamente o Mos collía vantaxe, e como un calco do anterior, acto seguido Juan convertía un dez metros para empatar. Cando faltaban tres minutos para o remate, Juan volvería converter outro dobre penalti para adiantar ós seus, vantaxe que pouco duraría, porque un minuto despois, produciríase o empate. Cando parecía que os puntos se repartirían, nunha acción illada, David cun tiro exterior, cando só quedaban 49 segundos, poñía o 4-3, marcador que aínda se ampliaría cun tanto final a favor dos mosenses, para rematar o partido co definitivo 5-3.
Para a semana outro partido emocionante neste caso no pavillón de Redondela, coa visita do actual campión e segundo clasificado da categoría, o Talleres ABC Vigo.