Todos os grupos políticos presentes na corporación estiveron de acordo en trasladarlle ao alcalde vigués unha solicitude para que manteña os beneficios do bonobús do Vitrasa a todos os usuarios, estean ou non empadroados na cidade olívica, ata a aprobación do transporte metropolitanos. Malia o acordo unánime, no longo debate xerado en torno á moción presentada polos populares, a oposición criticou a Javier Bas “ter reaccionado tarde neste asunto”.
A moción chegaba ao pleno da man dos populares logo do anuncio do alcalde vigués, Abel Caballero de retirar o bonobús aos non empadroados na cidade. Por este motivo, solicitaban ao resto dos grupos o seu apoio para lle instar a Caballero “a cesar coa súa actitude de bloqueo á implantación do Plan de transporte metropolitano” e a manter “os beneficios de uso e acceso universal da tarxeta verde para o transporte público de Vigo mentres dito transporte metropolitano non estea en funcionamento”. Todos os grupos presentes na corporación estiveron de acordo en apoiar a proposta polos graves prexuizos que esa decisión causa principalmente en Chapela, cuxos veciños foron os primeiros en dar a voz de alarma ante a posibilidade de quedar sen unha tarxeta que lles permite obter un importante desconto nas viaxes entre esa parroquia e a cidade de Vigo que co uso do bonobús pasa de 1,32 euros a 0,86. Unha rebaixa que dende AER entenden xusta tendo en conta, tal e como se recolle na moción, que “os veciños do noso territorio pagamos caro a nosa proximidade coa cidade de Vigo”. Dende o BNG, Cecilia Pérez Orge aproveitaba a súa intervención para criticar ao rexedor local que “reaccionara tarde nun problema no que foron os veciños os que levaron a iniciativa” e instaba a que dende a alcaldía “se xestionase directamente con Vigo unha solución ao conflito”. Unha proposta que o PP rexeitaba logo de explicar o alcalde que “xa hai convocada por parte da Xunta unha reunión para o vindeiro mércores na que estarán presentes os alcaldes afectados polo transporte metropolitano de cara a buscar unha solución”. O concelleiro socialista, Luis Orge aproveitou tamén a súa intervención para criticar “a falta de cintura política de Javier Bas” e acusou aos populares de buscar o enfrontamento do PSOE cos veciños. A moción foi aprobada por unanimidade engadindo ademais unha emenda presentada pola Asociación de veciños de Chapela para instar á Xunta que traslade ao concello a partida proporcional que lle corresponde por orzamento da Área Metropolitana mentres non se consiga a instauración da mobilidade metropolitana.