O pleno municipal debateu e aprobou cos votos a favor dos grupos da oposición dúas mocións presentadas por AER e PSOE na que solicitan a retirada da polémica proposta de modificación da lei do aborto por discriminatoria para as mulleres e por supoñer un grave retroceso de máis de trinta anos. Non contaron co apoio de ningún dos concelleiros do PP, pero mentres sete se amosaron claramente a favor da reforma de Gallardón tres edís populares optaron pola abstención.
En concreto foron os concelleiros Erminda Quelle, Ana Alonso e Julio Alonso os que decidiron absterse á hora de votar as propostas presentadas por AER e PSOE nas que reclamaban a retirada da reforma da lei argumentando entre outras cuestións que a nova normativa promovida polo PP contempla que se suprima o suposto das graves anomalías do feto “obrigando ás mulleres a asumir unha responsabilidade engadida para o resto da súa vida, non só das mulleres senón a súa familia e ao resto da sociedade cando cada vez son menos as axudas aos dependentes. A socialista Digna Rivas facía referencia tamén na defensa da súa moción no retroceso que esta lei vai supoñer para os dereitos sexuais e reprodutivos e de liberdade das mulleres de decidir sobre a súa maternidade e facía unha ardua defensa da actual lei aínda en vigor. Uns argumentos que defendían tamén dende o BNG lembrando que incluso na filas populares hai que se manifesta claramente en contra da reforma por supoñer un retroceso de 40 anos nesa materia. Na bancada popular a posición oficial era defendida pola concelleira de muller, Teresa París, quen baseaba o posicionamento da maior parte do seu grupo no feito de que con esta lei “se defenden os dereitos do gran esquecido ata o de agora, o non nacido”. Argumentos que secundaban a maior parte dos seus compañeiros de partido, xa que sete votaron en contra das mocións presentadas, non así tres edís, que optaban pola abstención.