Poesía escura, intimista, social… así é a obra da escritora ourensá Rochi Nóvoa, que este sábado estará en Redondela para presentar o seu último traballo, “Farrapos de boneca”. O libro mistura a poesía coa fotografía e a música, e na presentación a autora estará acompañada polo guitarrista Antonio I. Fernández, co que ofrecerá un recital. A cita é ás 20.00 horas con entrada libre.
Nóvoa, que se recoñece tímida, explica que o libro é “un proxecto común” no que colaboraron moitos “amigos, músicos, escritores e fotógrafos” que foron os que a animaron a sacar a adiante este proxecto. Un libro que ela define como “escuro” de poemas íntimos e poesía social, que vai acompañado dun cd no que participaron outros músicos como Servando Barreiro, Daniel Soldevilla e Nacho Martinez, cun total de catro cancións e oito poemas musicados. Rochi Nóvoa asegura que para ela a poesía é “unha vía de escape” e este “Farrapos de boneca” é xa o seu quinto libro, o terceiro de poesía. Nel quere ofrecer sinceridade, xa desde a propia portada, cun autorretrato que revela a dureza duns poemas que tratan “a dor e o desamor”. Nesta presentación que se fai en Redondela os asistentes poderán mercar o libro, e coa súa adquisición levarán de o audio libro dixital que contén un vídeo onde participa Horacio Villar como músico.