Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños aplauden a creación dun paseo peonil no Maceiras, pero non como alternativa á N-555

RR_Noticias

Os veciños das parroquias de Cedeira, Negros, Cabeiro e Vilar saúdan o proxecto do Concello de Redondela para construír unha senda á beira do río. Entenden que suporá unha mellora importante para a zona que permitiría aos veciños gozar dun fermoso espazo de lecer. Malia todo, moitos entenden que o paseo non será unha alternativa “real” para que os veciños se despracen ata o núcleo de Redondela, e que seguirán usando a N-555.

O proxecto presentado polo Concello para a creación dunha senda peonil contempla a limpeza e retirada de lixo de ambas as marxes do río e a construción dunha senda de 1.800 metros de longo con diferentes pontes e pasarelas. Tamén espazos de lecer e paneis informativos sobre o valor ecolóxicos da zona. A actuación ascendería a 290.806 euros. Segundo sinala a memoria do proxecto, esta senda polo Maceiras cumpriría tres obxectivos: a recuperación ambiental da contorna da canle, a creación dun espazo público de lecer para os veciños e visitantes, e a creación dun acceso seguro ao núcleo urbano como alternativa á N-555. De feito, hai décadas era habitual que a xente da zona se desprazara a Redondela polo carreiro que existía á beira do río. Veciños de Eira Pedriña como Avelino e Argentina, lembran que antigamente se utilizaban ese camiño, aínda que agora é imposible pola maleza que existe na contorna. Por iso a recuperación da contorna do río lle parece unha solución “ideal”, xa que permitirá utilizar esa ruta para desprazarse a Redondela ou pasear. Para Maica, que a diario ten que levar ao seu neno á N-555 para coller o autobús escolar, tamén é unha “excelente idea”, que ademais serviría para mellorar unha parroquia que ao seu entender está bastante “descoidada”. Con todo, entende que a creación desa senda peonil non elimina a necesidade de mellorar a seguridade na estrada nacional, unha vía con moito tráfico e moi perigosa para os peóns, con numerosas curvas, de calzada estreita e sen beirarrúas nin beiravías. Para outros veciños, como Bautista, sería algo moi bo para a contorna, ao tratarse dunha boa zona de lecer, pero nega que sexa unha solución aos problemas da N-555, xa que os veciños que viven ao longo desta estrada non se van facer un longo rodeo e ir polo paseo. Esa é tamén a valoración que fan desde a Asociación de Veciños de Cedeira. O seu presidente, Carlos Covelo, entende que a senda peonil será algo “moi positivo” que os veciños usarán para pasear, pero que non evitará que os desprazamentos a Redondela se sigan a facer pola N-555, co conseguinte perigo para os peóns. Por iso o colectivo veciñal demanda a elaboración dun estudo técnico sobre as necesidades da N-555 en materia de seguridade, algo que despois de anos de demandas “aínda non se fixo”. Entende que se trata dun proxecto “complexo” porque hai moitas propiedades afectadas, pero defende que a seguridade e a vida dos peóns “vale máis que calquera obra”.  

Bautista
Para este veciño o paseo é algo moi positivo pero non soluciona os problemas de seguridade da N-555.
Maica
Esta veciña aplaude o proxecto xa que ofrecería unha zona de lecer moi necesaria na parroquia.
Carlos Covelo presidente da A.VV. de Cedeira
Covelo recoñece que o paseo é un bo proxecto pero nega que sexa unha alternativa á N-555.
Argentina
Para esta veciña a senda peonil sería unha solución perfecta para os veciños da zona.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará