Os pupilos de Diego Lorenzo preparan o encontro que os enfrontará o sábado ao Pontevedra, un interesante derbi cos dous equipos moi igualados na táboa. O adestrador afirma que nesta cita queren devolver a ilusión aos seus seguidores, logo da mala imaxe ofrecida no anterior partido como locais diante do Cinco Jotas Lavadores.
O equipo recupérase da derrota sufrida a pasada fin de semana na pista do Cisne, nun partido que estivo moi igualado na primeira parte e no que, pouco a pouco, o Cisne foi ampliando distancias cos redondeláns. Unha situación da que Lorenzo culpa “á falta de gol” do equipo, que segue sen atopar un xogo efectivo en ataque, onde comete “erros e imprecisións”. Agora queren mirar cara adiante e facer un bo partido diante do Pontevedra, o seu inmediato perseguidor na táboa. Será o sábado, ás 18.30 horas. Os redondeláns, novenos na táboa, adiantan en seis puntos ao equipo pontevedrés, e confían en ofrecer unha vitoria aos seus afeccionados. Con todo, Lorenzo fala con respecto do rival, ao entender que pola súa calidade debería estar máis arriba na táboa. De gañar ao Pontevedra afastaríanse o suficiente dos postos de perigo, coa permanencia practicamente garantida, para pensar en xogar o resto de liga “sen apuros”, co obxectivo de rematar a competición “o máis arriba posible”. Deste xeito o técnico podería dar entrada no grupo a xogadores de categorías inferiores que, pouco a pouco, se están a facer un oco no equipo.