Heroica vitoria do Chapela ante o Torrelavega por 27-26, un resultado que permite aos de Fran Teixeira seguir soñando coa permanencia na División de honra Prata. Tampouco a SAR decepcionou aos seus seareiros ao lograr un triunfo na bomboneira ante o Vitaldent Pontevedra, un encontro que rematou co resultado de 26-20 a favor dos redondeláns.
Importante triunfo o acadado esta fin de semana polo Chapela que lograba un axustada vitoria, 27-26 ante o Torrrelavega. Un partido emocionante no que os dous equipos loitaron polos tres puntos en xogo. Chegábase ao descanso cun empate no marcador 14-14. Na segunda parte as cousas pouco mudaron e os dous equipos foron alternativamente situándose por diante no marcador chegándose cara ao final á fase máis bronca do encontro con varias exclusións e cinco penaltis consecutivos do Chapela. O partido resolveríase a falta de corenta segundos cando un gol de Rubén certificou o triunfo do Construcciones Castro Chapela.
Malia levarse os tres puntos en xogo continúan os de Redondela en postos de descenso, son terceiros pola cola e na vindeira fin de semana teñen unha cita complicada, xogará no campo do cuarto clasificado, o Sinfin.
Dous conxuntos recen ascendidos, A Sar Plastic Omnium e o VItaldent Pontevedra, medían as súas forzas na bomboneira e malia que na primeira parte as cousas estiveron moi igualadas, chegándose ao descanso cun 12-11 no marcador, o xogo mudou a partir do descanso. Na segunda parte os xogadores de Diego deixaron xa sentenciado o encontro nos primeiros 15 minutos, chegándose ao final co resultado de 26-20 a favor da SAR.
A SAR situada no oitavo posto da táboa desprázase na vindeira semana ao campo do Seis do Nadal, equipo situado no cuarto posto da táboa en primeira nacional.