Un gol de Pablo Couñago tras unha gran acción de Muíños permitiu ao Choco encadear a súa segunda vitoria consecutiva, e volven estar a tres puntos do play-off. Todo nunha fin de semana espléndida para o fútbol local, con pleno de vitorias en todas as categorías.
Terceira División
Choco 1-0 Cerceda
O Cerceda demostrou en Santa Mariña que ten condicións para ser un claro candidato a pelexar polos postos de ascenso, pero o Choco soubo plantarlle cara. A primeira parte foi intensa pero con moito xogo no mediocampo e sen moita chegada por parte dos equipos, de feito, o encontro parecía abocado a un 0-0, que non se movería até despois do descanso, pois na primeira aínda que non houbo moitas chegadas, as que houbo foron sen profundidade e sen xerar perigo para as portarías de Cortegoso e Diego. O equipo de José Luís Lemos tivo o control do balón pero, malia todo, foi o Choco o que dispuxo das mellores ocasións e soubo sufrir e aguantar o empuxe final do seu rival. Así conseguiron sumar tres importantes puntos para manterse na zona nobre da táboa. Un gol de Pablo Couñago, o mellor xogador do partido, fíxoo posible no minuto 63. Os de Jacobo Montes suman así a súa segunda vitoria consecutiva, e volven estar a tres puntos do play off. Agora preparan o próximo partido, que os levará ao campo do Vilabés, situado na metade da táboa.
Segunda Autonómica
Choco B 1-0 S.Miguel
O filial do Choco superou pola mínima ao S. Miguel, e mantén a quinta posición so seu grupo. Na próxima xornada recibirán en Redondela ao Santa Mariña, o seu inmediato perseguidor.
Soutomaior 1-0 Chispa
O Soutomaior tamén venceu pola mínima ao Chispa, penúltimo clasificado da táboa. A próxima xornada terá unha cita máis complicada, xogarán na casa do Zacande, co que están empatados a puntos.
Marín B 0-6 Arcade
Os de Soutomaior non tiveron compaixón do pechacancelas, o Marín B, ao que golearon con tres tantos de Dani, aos que se sumaron os de Víctor, Rubén e Lucas. Máis difícil será o encontro do próximo domingo para o Arcade, xa que reciben ao Noalla, 5º clasificado do grupo.
Terceira Autonómica
S.Andrés 0-3 Cesantes
Os redondeláns impuxéronse a domicilio nun partido no que foron os claros dominadores. A vitoria sobre o S. Andrés permítelle escalar dúas posicións na táboa, e xa son 9º. Na próxima xornada reciben ao Campañó, 8º do grupo, co que están empatados a puntos.
At.Vilar 3-1 Balaídos
Os redondeláns foron moi superiores ao Balaídos, equipo afundido na parte baixa da táboa. O Vilar mantén a 9ª posición na táboa, e a próxima xornada terá un desprazamento moi complicado, xa que xogan na casa do líder, o Vincios.
Casablanca 0-2 Chapela
Os de Redondela están a facerse cada vez máis fortes no seu grupo, e logo de gañar no campo do Casablanca escalan á 4ª posición da táboa. A próxima fin de semana reciben ao Santa Eulalia, da metade baixa da clasificación.
Nespereira 0-1 Caldelas
O Nespereira non puido co líder, o Caldelas, que anotou un único gol de penalti, obra de Ayala. Os de Pazos pelexaron, pero non foron quen de igualar o marcador.