O documento económico que se debaterá mañá nun pleno municipal extraordinario ás 19:30 horas contempla investimentos por valor de 3 millóns de euros. As obras máis importantes están enmarcadas dentro do Plan Marisma Máis coa construción do novo pavillón de deportes por valor de 1.745.354 euros, o centro de día no antigo colexio de Trasmañó dotado con 537.144 euros e a construción do paseo marítimo de Cesantes, actuación orzamentada en 221.448 euros.
A concelleira de Economía e Facenda, Ana Alonso, salienta o esforzo realizado por parte do goberno local de cara a axustar ao máximo o gasto e incluír dentro destes orzamentos o investimento necesario para acometer na súa totalidade o Plan Marisma Máis. Por este motivo a edil fai un chamamento aos grupos da oposición para que “actúen con responsabilidade” de cara a permitir que se aproben estas contas “xa que de non saír adiante estes orzamentos perderíanse as partidas procedentes da Unión Europea dentro do plan Marisma e que ascenden a algo mais de 1,8 millóns de euros”. Os orzamentos para este 2014 ascenden a 18,5 millóns de euros e dende a concellería saliéntase tamén o esforzo por incrementar partidas destinadas a servizos sociais “cun incremento dun 20% nas axudas ao comedor e unha maior partida nas políticas de emprego”. Na outra cara da moeda estaría a concellería de Festas, a gran damnificada ao ver reducido o seu orzamento en 58.000, é dicir, un 20%. Neste documento tamén se recolle unha partida de 166.688 euros destinadas aos orzamentos participativos, unha cantidade semellante á xa destinada o ano pasado a petición de AER e que se corresponde co “1% dos orzamentos que son achega por parte do Concello, tal e como así estaba contemplado”. Outros investimentos salientables son os máis de 76.000 para a Aula de interpretación da batalla de Rande “Meirande”, cantidade que será asumida na súa maior parte a cargo do Plan Feder mentres que o Concello achegará 23.000 euros, ou os ou os 77.732 euros que se destinarán para a expropiación de terreos.