A abstención do socialista Luis Orge permitía onte aprobar o orzamento do PP. Con todo, antes de que o socialista rompera a disciplina de voto do seu grupo todo apuntaba a que os orzamentos non ían saír adiante xa que durante todo o debate, que se prolongou durante máis de hora e media, a oposición anunciou o seu voto en contra das contas presentadas polos populares mentres a Concelleira de Economía Ana Alonso, insistía na necesidade de aprobalas para garantir investimentos e subvencións.
Ao longo do pleno extraordinario que arrancaba ás 19:30 horas no Concello, tanto AER, como BNG e PSOE amosaron a súa disconformidade cunhas contas que cualificaron de antisociais, acusando ademais aos populares de recorrer á política do medo ao empregar no seu discurso o argumento de que de non aprobárense estes orzamentos non se poderían facer os tres investimentos recollidos dentro do plan Marisma Máis: o novo pavillón de deportes, o centro de día de Trasmañó e o paseo marítimo de Cesantes. De feito, a concelleira de facenda, Ana Alonso, ía máis aló e aseguraba que a non aprobación desas contas suporía tamén que se perderían subvencións tales como os 10.000 euros que recibe Lenda, os 5.000 que se lle conceden a Cáritas ou as partidas que se destinan á organización do Millo Verde e o Festival internacional de Tïteres. Uns argumentos que non convencían aos grupos da oposición que os cualificaban de chantaxe e acusaban ao PP de culpabilizar ao resto dos grupos da súa falta de xestión en anos anteriores. Neste sentido o edil de AER, Alfonso Blanco Pochi criticaba que non tiveran presentado os orzamentos aos grupos políticos con anterioridade “para que dera tempo a estudalos e facer as achegas que consideraramos oportunas” e criticaba tamén que se recortase a partida destinada aos orzamentos participativos. Na súa intervención manifestaba tamén as súas dúbidas respecto dos investimentos previsto no Plan Marisma Mais Cecilia Pérez Orge dende o BNG criticaba que as partidas que en anos anteriores se destinaron a Servizos Sociais, emprego e ensino quedaran sen gastar e afeáballe ao PP que empregara ´”o discurso do medo” para tentar obter o voto favorable da oposición. Os socialistas insistían na mesma idea e recriminábanlle ao PP que nos tres anos que levan no goberno aínda non foran quen de facer nada do proxectado no Marisma Máis. Malia a contundencia amosada polo voceiro socialista, non todos os concelleiros do seu grupo estaban tan convencidos como se puido comprobar no momento das votacións. Saltaba a sorpresa cando o socialista Luís Orge rompía a disciplina de voto e optaba pola abstención, permitindo así un empate entre os 10 concelleiros do PP que votaron a favor e os que optaban por votar en contra PSOE (7), BNG (2) e AER (1), un empate que rompía o voto de calidade do alcalde e que permitía que se aprobasen os orzamentos.