O Secretario Xeral dos socialistas de Redondela, Leonardo Cabaleiro trasladará hoxe a comisión de conflictos o acontecido no pleno extraordinario dos orzamentos municipais cando a abstención do concelleiro socialista, Luís Orge permitía aos populares sacar adiante as súas contas municipais. A reunión, na que se analizará o acontecido e se decidirá se o edil é sancionado, será ás 21:00 horas de hoxe xoves na sede do partido.
Cabaleiro recoñece que a decisión de Luís Orge de saltarse a disciplina de voto o pasado martes supón “un feito histórico”. Entende ademais que a decisión do seu compañeiro de partido deixa ao seu grupo nunha situación difícil xa que “é a primeira vez que se rompe a disciplina de voto nun asunto de calado como son os orzamentos municipais”. Insistía o responsable dos socialistas redondeláns en que non souberon ata o último momento cal ía ser a postura de Orge aínda que recoñece que o edil si manifestara as súas dúbidas sobre si votar en contra -tal como fixo o resto do seu grupo- ou absterse na votación. En canto ao ruxe-ruxe sobre un posible pacto cos populares para aprobar os orzamentos Leonardo Cabaleiro defende “a honorabilidade de Luís Orge” e nega categoricamente que no PP contaran coa abstención do socialista para aprobar as súas contas “en caso contrario estariamos a falar de algo moi grave que tería consecuencias profundas e que podería provocar incluso unha crise no propio partido”. Ante eses comentarios traslada unha mensaxe de tranquilidade a militantes e simpatizantes xa que asegura que “non hai división nin conflito interno no PSOE local”.