Segundo explicou o Concelleiro de Cultura, Julio Alonso, o ano 2014 se lle dedicará a Rita Otero Fernández (Redondela 1902-1956) tal e como propuxera a Fundación Filomena Rivero. A decisión foi adoptada na comisión avaliadora que se reunía a pasada semana, un acordo que deberá ser agora ratificado pola Comisión de cultura e aprobado en Pleno co obxectivo de elaborar unha programación que serva para espallar e dar a coñecer a súa figura.
A Fundación Filomena Rivero foi quen propuxo ao Concello que se designase a Rita Otero como persoeiro do ano. Unha muller de quen destacan a súa “valentía, xenerosidade e audacia” que non dubidou en axudar “a todo aquel que o necesitara sen ter en conta a súa ideoloxía” dedicando a súa vida aos máis necesitados con visitas frecuentes aos presos políticos encarcerados en San Simón. Salientan que esta muller “xa dende nova rompeu moldes” xa que mentres naquel principio de século cando os estudos estaban reservados aos homes e as mulleres pertencentes a familias acomodadas “tiñan que conformarse cunha boa voda, Rita Otero foi a excepción e estudou maxisterio”
Apuntan ademais dende este colectivo o oportuno de dedicarlle este ano no que se conmemora o 85 aniversario do establecemento da empresa Regojo en Redondela xa que foi precisamente Rita Otero quen convenceu a José Regojo para que se establecera no noso municipio, unha decisión que transformaría o que era unha vila mariñeira e agrícola nunha vila industrial.
Un recoñecemento o de Persoeiro do Ano que nacía co obxectivo de dar a coñecer entre os veciños a aqueles redondeláns ilustres que malia os seus méritos en diferentes campos eran descoñecidos entre os seus conveciños.
E logo de dous anos onde este recoñecemento recaeu sobre dous homes Casto Sampedro no 2012 e Alejandro Otero no 2013, este ano o Concello centrarase en dar a coñecer a vida e Rita Otero Fernández, a que fora esposa do industrial José Regojo a través de diferentes actos que se celebrarán nos vindeiros meses e que aínda están por definir.