Os representantes dos traballadores sinalan que aínda é preciso estudar con detalle a proposta do grupo Damm e Luxempart, que suma case 180 folios, pero a primeira impresión é ben diferente en función de que sindicato faga as valoracións. Mentres a CIG e CUT falan dun plan “especulativo e opaco” con repercusións negativas para o emprego, en CCOO valoran positivamente a proposta e desde a UXT amosan un optimismo “moderado”.
O plan de viabilidade do grupo Damm e Luxempart deixa fóra ás súas filiais, as tres sociedades chilenas, a de Portugal, a planta de Insuiña e tamén Pescafresca. Esta é a súa alternativa á liquidación para facer de Pescanova unha empresa viable. O acordo a tres bandas ( Pescanova, o consorcio Damm-Luxempart e os principais bancos acredores) é unha aposta basicamente pola matriz e as filiais españolas. Un acordo que os sindicatos valoran de xeito desigual. Desde a CUT son pesimista sobre o futuro da multinacional de Chapela. Manolo Caamaño, responsable de alimentación da CUT, denuncia que se trata dun plan “opaco e especulativo”. O que máis preocupa ó sindicato é o futuro do emprego, do que non se fala na proposta de convenio. Na CUT auguran que haberá “máis axustes” e que se perderán postos de traballo. Desde a CIG comparten tamén este pesimismo. Á espera de analizar máis polo miúdo a proposta, mesmo dubidan de que o plan que presenta o grupo catalán poida saír adiante. Xosé Fernandez Piñeiro, responsable de CIG alimentación, entende que que a saída das filiais estranxeiras “vai afectar tamén ao emprego na bisbarra”, xa que todo o negocio da multinacional está moi relacionado. Mentres desde CCOO, sindicato maioritario no comité de empresa, piden “prudencia” mentres non se coñezan todos os detalles da proposta, que valoran dun xeito “positivo”. Francisco Vilar lembra que a alternativa sería a liquidación da empresa e fai un chamamento á “responsabilidade” dos demais sindicatos. Mentres na UXT amósanse “moderadamente optimistas” co futuro de Pescanova. Entende que se abre unha nova etapa para a multinacional, e que o modelo de Damm e Luxempart vai polo bo camiño cun investimento de 150 millóns de euros, que poden servir para manter o emprego na bisbarra “e mesmo incrementalo”, aínda que lembra que a débeda da compañía é moi elevada. Mentres os traballadores viven nun compás de espera, coa incerteza do que acontecerá cos seus postos de traballo. Aquilino, que é taxista na parada da baixada a Pescanova, comprende ese medo dos empregados, que non teñen moi claro o que vai pasar con eles. Con todo, fala de “normalidade” na planta, co mesmo movemento de tráficos que antes do concurso de acredores. Previsións da proposta Damm-Luxempart O cálculo que fan para o futuro é que a Pescanova siga en números vermellos aínda en 2015 e 2016, con perdas de entre 13 e 22 millóns de euros. Os beneficios volverían en 2017, con 7 millóns, para chegar ata os 126 millóns en 2029, cando a débeda neta de Nueva Pescanova estaría entre os 10 e os 39 millóns, fronte aos 830 millóns de débeda actual. O plan de viabilidade que inclúe a proposta de convenio de Pescanova presenta proxeccións do negocio a 30 anos e estima un crecemento dos ingresos do 3,5% anual durante o dez primeiros anos.