A Xunta de Galicia remitirá mañá aos concellos da área de Vigo a proposta de convenio para a súa adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano, así como unha estimación do custo económico que suporá a súa incorporación a este programa. No caso de Redondela a achega estará entre os 90.000 e os 130.000 euros.
O obxectivo da Xunta é que os diferentes concellos inicien os trámites necesarios para poder poñer en marcha o plan a partires do vindeiro ano. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ao alcalde de Redondela, Javier Bas, co que mantivo unha reunión na casa do Concello. Hernández asegurou que para a Xunta xa non hai marcha atrás na posta en marcha desta iniciativa, que constitúe un dos exemplos máis claros de “emprego axeitado e eficiente dos fondos públicos”. O rexedor redondelán salientou que se trata dun plan de transporte moi importante para Redondela e toda a área metropolitana e que o obxectivo é poñelo aínda que o Concello de Vigo non participe. Tal e como xa se anunciara, a posta en marcha do transporte metropolitano na área de Vigo permitirá aforros que poden superar os 1.000 euros por cidadán e ano, así como a redución do uso dos vehículos privados, e aínda máis na cidade de Vigo que con ao redor de 500.000 habitantes ten rexistrados uns 250.000 automóbiles. Bas entende que o plan de transporte metropolitano beneficia ós concellos limítrofes con Vigo, pero tamén á propia cidade, con máis ingresos pola actividade comercial e unha redución no tráfico e na contaminación. O conselleiro Agustín Hernández reiterou que o seu desexo é que ao longo do 2014 se acade o acordo e se poida aprobar o plan por parte das distintas corporacións locais establecendo así a súa posta en marcha no 2015.