Na categoría absoluta do Campionato Galego de Inverno impúxose Luis Leiro en 50 braza, e en Infantil-Junior Elías Costas foi medalla de ouro en 50 bolboreta e Héctor Cabaleiro en 100 costas. O club redondelán está nun ascenso imparable, logo de superar as súas mellores marcas ata en once modalidades nas probas autonómicas. O sábado a Piscina Municipal de Redondela acolle unha competición de control de marcas na que participarán varios equipos galegos.
O presidente do club, Jose González, amósase “moi satisfeito” polos resultados acadados, xa que superaron todas as expectativas. Para o presidente estes éxitos son o premio “ao esforzo feito ao longo de todo o ano”, tanto por parte do club, como dos nadadores e das súas familias. As medallas son tamén un recoñecemento a un club que, ano tras ano, supera obxectivos, e que xa conta con 48 nadadores de entre 6 e 23 anos. Os nadadores tamén recibiron as felicitacións por parte do Concello de Redondela, ao seren recibidos onte polo alcalde, Javier Bas, e o concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, que salientaron os bos resultados destes campións galegos. González recoñece que gran parte do mérito é do seu novo adestrador, Luis Leiro, que ademais compite tamén polo club redondelán. Leiro, que foi 37 veces campión galego, segue a sumar medallas ao seu palmarés, ao tempo que adestra aos membros do club para facer deles “futuros campións”. Agora no club preparan a proba do próximo sábado, día 15, da que serán anfitrións. Trátase dunha proba de control de marcas que se disputará na Piscina Municipal de Redondela e na que participarán diferentes clubs de toda Galicia. A proba, con entrada libre, comezará ás 17.30 horas, e desde o club convidan a todos os veciños que o desexen a achegarse á piscina para presenciar este evento deportivo.