A agrupación socialista de Redondela denuncia a aspecto descoidado que presenta un dos principais enclaves turísticos e culturais do municipio con papeleiras “totalmente cheas de desperdicios e incluso con restos de lixo polo chan”. Critican que non se preste maior atención ao lugar tendo en conta que se trata dun enclave moi visitado.
Segundo explican os socialistas as papeleiras do monte de A Peneda “están cheas nunha mostra do descoidado que ten o goberno municipal un dos principais enclaves turísticos e culturais do municipio”. Engaden que “probablemente non pasa ninguén da concesionaria da recollida de lixo polo lugar, ou aló menos iso parecen indicar as papeleiras situados na explanada preto do cumio do monte, que están totalmente cheas de desperdicios e, nunha delas, a lixo desbordou e pódense ver os restos polo chan”.
Unha situación que afecta á zona onde está a sobreira centenaria e varios paneis explicativos coa historia do monte “precisamente esta porción de terreo é o que pertence á parroquia do Viso, do concello de Redondela, xa que o monte é compartido con Soutomaior.
Lembran dende o PSOE que a Peneda é un dos enclaves turísticos e históricos máis importantes de Redondela e a súa comarca e que tanto veciños, como visitantes ou deportistas acoden a este lugar con frecuencia motivo polo que se lle debería prestar unha maior atención.
Conclúen os socialistas afirmando que o abandono presente na Peneda “mostra a escasa importancia que concede o grupo de goberno ó patrimonio histórico e o medio ambiente”.