Os nacionalistas consideran a actuación que afectou aos chopos da Alameda así como a outras árbores en Saxamonde e Cedeira de “auténticas mutilacións” que están acelerando o avellentamento das árbores en espazos públicos. Critican tamén que dende o concello se estea a contratar a empresas privadas para realizar este traballo cando ata o 2011 esa tarefa era desenvolvida por operarios municipais.
Nas últimas semanas o concello de Redondela procedeu á poda dun importante número de árbores en espazos públicos que segundo o concelleiro Xoán Carlos González “máis que unha poda para mellorar as condicións das árbores, trátase de verdadeiras amputacións”. Refírese en concreto aos chopos da Alameda “que xa na campaña do 2013 sufriron unha poda moi agresiva”. Explica o edil que se trata de árbores que superan o medio cento de anos e nos que as intervencións deben ser coidadosas, malia todo “fixéronse cortes indiscriminados en polas principais que non representan perigo algún e con cortes que superan en algúns casos os 40 cm de diámetro, algo que pon en risco a supervivencia destes exemplares”.
Tamén sinala Xoán Carlos González, que noutras árbores realizouse unha poda moi agresiva, como no caso do situado a carón da vella escola de Saxamonde, e doutro nas inmediacións da Igrexa de Cedeira. “Os cortes non son os axeitados, ademais de diversos puntos nos que se observan desgarres, o que pode facilitar a aparición de enfermidades”.
Recorda que hai preto de dous anos, o goberno de Javier Bas procedeu á tala dos “plátanos” no aparcadoiro da Ribeira “co que amosaron moi pouca sensibilidade cara ao arborado público”.
Aproveitan tamén dende o BNG para criticar o que cualifican de privatización encuberta na poda das árbores, xa que mentres ata o 2011 esta tarefa era desenvolvida por operarios municipais actualmente o concello “paga a diferentes empresar para realizar ese traballo”.