Desconvocan a manifestación que tiñan previsto celebrar este venres logo de chegarse a un acordo provisional que, segundo o representante do cerco na confraría de Redondela Antonio González “Tonacho”, lles permite salvar o ano logo de semanas en paro. Acatan así a decisión que lles outorga un número maior de capturas tanto en xurelo como en xarda logo de que o Pais Vasco cedese a Galicia 400 toneladas.
Malia que desconvocan a manifestación que tiñan previsto celebra este venres insisten en que se trata dun acordo provisional para este ano e que non da resposta as súas peticións que pasan porque o reparto da cota se faga por número de tripulantes e non de descargas de anos anteriores. Así, o sector mantén o seu rexeitamento a un reparto que entenden inxusto xa que outorga ao Pais Vasco e a Cantabria o 72% das capturas de xarda e xurelo malia sumar ambas comunidades 94 barcos fronte aos 153 galegos. Esixen por ese motivo que se revise ese reparto de cara a lograr outro que sexa máis xusto. Unha demanda que ao entender de Tonacho vai ser difícil de acadar “porque a consellería non apoia as nosas reivindicacións en Madrid, un apoio que vascos e cántabros si teñen dos seus respectivos goberno autonómicos”. Con todo, a decisión dos vascos de ceder xarda a Galicia parece salvar a situación aló menos neste 2014, logo de que o sector anunciase que volverán faenar a partir do vindeiro luns. Unha solución ao conflito que na confraría de Redondela cualifican de provisional, xa que as súas peticións seguen sobre a mesa de cara ao vindeiro ano.