O técnico Diego Lorenzo dará entrada a varios xogadores xuvenís, que xa están a ter minutos no equipo de máxima categoría. Acadado o obxectivo da permanencia, o club afronta as tres xornadas que restan como unha oportunidade para seguir probando a xogadores que na próxima temporada serán titulares na Primeira Nacional.
O adestrador amósase “moi satisfeito” co rendemento do equipo, que está a competir a moi alto nivel malia as numerosas baixas por lesións que tiveron que superar ao longo da temporada. Unhas baixas que, por outra parte, serviron para probar a novos xogadores procedentes do equipo xuvenil e de categorías inferiores. Estes xogadores serán os protagonistas da recta final desta liga, o que lles dará experiencia para pasar a formar parte do primeiro equipo a próxima temporada. Quedan tres partidos para rematar a liga que os enfrontarán a Lalín e Calvo Xiria en Redondela, e ao Artabro na Coruña. O obxectivo do técnico e sumar 3 puntos dos 6 que están en xogo, aínda que recoñece que será un final de liga complicado. O enfrontamento máis inmediato será este sábado co Lalín, un equipo que aínda aspira a unha das prazas que dan opción de xogar o play off de ascenso. A cita é ás 18.30 na bomboneira, onde o equipo confía en contar co apoio dos seus seguidores. Categorías inferiores No club tamén festexan que o equipo xuvenil acadar a salvación, o que lles permite manterse na División de Honra. Tamén o equipo da liga autonómica ven de clasificarse para a fase de ascenso a Segunda Nacional, uns éxitos que apuntan a que o futuro da SAR vai “polo bo camiño”.