A situación do equipo de Chapela empeora logo da nova derrota sufrida esta fin de semana ante o Zamora. 31-41 foi o resultado dun partido que deixa ao Chapela no decimo cuarto lugar e a cinco puntos dos postos de permanencia directa. Mesma sorte correu a Sar na Primeira nacional, que caía ante o Lalín por 20 goles a 26.
Na División de Honra prata cada vez se lle complican máis as cousas ao Chapela logo de volver sufrir esta fin de semana unha dura derrota ante o Zamora. Partido disputado no pavillón de Chapela no que os pupilos de Fran Teixeira comezaron ben, dominando o partido nos primeiros minutos de xogo. Con todo, consonte avanzaba o encontro a superioridade do Zamora fíxose patente, sendo o equipo visitante o que se levaría os puntos do encontro.
Na vindeira semana o Chapela ten outra cita difícil, partido fora da casa ante o Amenabar, situado na quinta praza da categoría.
A Sar Plastic Omniun tampouco puido esta fin de semana brindarlle unha vitoria aos seus seareiros. Partido disputado na bomboneira ante o Lalín onde os de Redondela practicamente non tiveron opción. 20-26 foi o resultado final que deixa á Sar no noveno posto da clasificación. Na vindeira semana desprázanse ao campo do Ártabro, equipo moi necesitado de puntos situado nos postos baixos da táboa.