O estafado é un veciño de Arcade que presenta unha demanda contra NCG por terlle vendido este produto. A Plataforma de afectados explica que se trata “dun aforrador de certa idade” que como tantos outros se viron enganados e mal aconsellados polos directores das entidades bancarias.
Dende as Plataformas animan aos afectados a seguir facendo presión na rúa “porque ese é o único camiño para recuperar uns cartos que son seus”. Por este motivo estarán mañá ás 10:00 horas nos xulgados de Redondela e o xoves participarán dunha nova concentración diante da sucursal de NCG en Arcade entre as 17:00 e as 19:00 horas. O obxectivo é seguir reivindicando “unha solución e devolución íntegra para todos os afectados que padeceron a quita imposta polo goberno”. A Plataforma que aglutina aos afectados de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornenlos insiste en que acudir aos xulgados e a protesta na rúa é a única saída para as estafados unha vez cortado o proceso de arbitraxes que se iniciara nun principio. Amósanse incrédulos ante o compromiso do presidente de Banesco, entidade propietaria de Novagalicia Banco, Juan Carlos Escotet, de darlles unha solución a corto prazo aos preferentistas.